Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta subliña o papel e a colaboración dos cazadores no control da fauna silvestre en Galicia


Cun total de 21 participantes, os 3 primeiros clasificados na proba de caza menor xeral representarán á Comunidade no Campionato de España desta modalidade

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, subliñou esta mañá en Lousame a relevancia do papel dos cazadores nas medidas de control da fauna silvestre e agradeceu ao colectivo a actitude de “permanente colaboración” coa Xunta neste eido.
Durante o acto de clausura e entrega de premios do XXXVI Campionato galego de caza menor con can e do II Campionato de caza menor adaptado, lembrou que o seu departamento mantén unha relación fluída coa Federación galega de caza, que se plasma desde 2015 na sinatura de sucesivos convenios de colaboración para o impulso da formación continua de cazadores e responsables das sociedades cinexéticas galegas a través da organización de cursos, charlas informativas e campañas de divulgación.
Así mesmo, do Campo salientou a importancia do Campionato de caza menor con can, que cumpre 36 anos desde a súa primeira edición e é xa unha das probas cinexéticas máis consolidadas da Comunidade, como demostra, dixo, a alta participación rexistrada.
De feito, este ano a actividade contou cun total de 21 persoas inscritas procedentes das 4 provincias e os 3 primeiros clasificados representarán a Galicia no vindeiro Campionato de España nesta modalidade.
Tras felicitar tamén á Federación Galega de Caza, organizadora dos eventos, por promover por segundo ano consecutivo unha competición “inclusiva” para promover a participación de persoas con algún tipo de discapacidade, Belén do Campo enmarcou a iniciativa nos esforzos do sector por “renovarse” e seguir sumando afeccionados e novos colectivos, como mulleres ou mozos, á práctica cinexética na Comunidade.